CRTVG

Buscar

Entra en vigor a 'Lei rider' pola que os repartidores autónomos pasan a ser asalariados

Publicado o 12/08/2021 07:55
Entra en vigor a 'Lei rider' pola que os repartidores autónomos pasan a ser asalariados
A chamada 'Lei rider' entra hoxe vigor unha vez cumpridos os tres meses de prazo outorgados ás empresas do sector para adaptarse á normativa, que pretende acabar co uso de falsos autónomos como repartidores obrigando a contratalos como asalariados.
O texto foi acordado polo Ministerio de Traballo e Economía Social con sindicatos e patronal e presentouse en sociedade a mediados de marzo, aínda que ata maio non foi aprobado polo Consello de Ministros. Posteriormente foi validado no Congreso dos Deputados, aínda que tanto o PP como Vox decidiron recorrelo ante o Tribunal Constitucional.
A 'Lei rider' é en realidade unha disposición adicional no Estatuto dos Traballadores que recolle a "presunción de laboralidade" no ámbito das plataformas dixitais de repartición. Traballo defendeu que o cambio adapta a lexislación ás sentenzas do Tribunal Supremo, que condenou a varias destas empresas por considerar que utilizaron a falsos autónomos como repartidores.
Das catro grandes plataformas de repartición de comida a domicilio, tres (Deliveroo, Glovo e Ubereats) mostraron o seu rexeitamento a esta modificación, e cada unha optou por unha vía distinta ante a entrada en vigor da norma. Glovo manterá como autónomos a preto do 80 % dos seus repartidores, unhas 8.000 persoas aproximadamente, tras idear "un novo modelo de relación" que na súa opinión respecta a normativa e Ubereats deixará de usar autónomos e subcontratará os 'riders' a través de empresas especializadas en repartición.
Por último, Deliveroo anunciou que pretende pechar proximamente as súas operacións en España ante a nova lexislación.
As asociacións de repartidores en prol dos autónomos -que convocaron varias protestas contra a 'Lei rider' nos últimos meses- advertiron de que a regulación implicará máis precariedade para quen traballe en frotas como asalariados con contratos temporais.

Noticias web

12/08/2021