Os partidos, escépticos ante o CIS, nos últimos compases da precampaña
Por primeira vez en seis meses, o CIS recupera o procesamento con métodos matemáticos dos datos de intención de voto, a denominada "cociña". O resultado é un prognóstico espectacular para o Partido Socialista, que duplicaría o PP en número de escanos. Un vaticinio que miran con receo todos os partidos. O PSOE pídelle ao electorado que non se confíe, polo alto número de indecisos, e o líder dos populares decide, directamente, tomar a chanza esta macroenquisa.
Segundo os datos publicados onte, na parte máis alta do seu intervalo os socialistas duplicarían o PP, e xunto con Podemos, poderían prescindir dos independentistas para formar goberno. Pero malia a satisfacción, o propio PSOE lembra que o CIS fallou nas súas predicións para Andalucía e pon o foco no alto número de indecisos.
Pedro Sánchez, o secretario xeral, alerta a cidadadanía de que "hai un risco real, certo, de que a dereita e as súas tres siglas sumen para facer en España o que están facendo en Andalucía". Engadiu que "as urnas non se enchen de datos, énchense de votos, e se non queremos involución, temos que mobilizarnos e confiar no único partido que pode sumar máis que as tres dereitas, que é o PSOE".
No PP, que segundo o CIS minguaría os seus resultados á metade dos escanos que conseguiu Rajoy, tiran de ironía para comentar os prognósticos: "Este CIS xa é algo sobrenatural. Cambiaron a cociña da cociña, ou sexa, que isto xa son esferificacións, nitróxeno líquido, isto xa é un laboratorio culinario que nin Ferrán Adriá. Pedro Sánchez vai sacar 415 deputados no Congreso dos Deputados e o PACMA vai superar o PP. Grazas, Tezanos, por facer un CIS crible", declarou con sorna o presidente dos Populares, Pablo Casado.
Ciudadanos tampouco ve cribles os datos. Villegas dixo que "as fichas están no taboleiro" e o candidato, Albert Rivera confía en mellorar a suba: "Imos votar, imos gañar, e imos, Mérida, Estremadura. Imos España!", dixo.
En Podemos consideran fútil comentar enquisas que, segundo Pablo Iglesias, sempre conseguiron remontar. Pablo Iglesias, o líder de Podemos, asegurou que o día 28 poden cambiar moito as cousas: "Despois do 28 pode haber un goberno decente neste país, que malia as dificultades e a ter en fronte a grupos moi poderosos, está disposto a que algúns do artigos da Constitución se cumpran".
Segundo o CIS, o PSOE gañaría en 15 comunidades, incluída Galicia. E, por primeira vez, Ciudadanos lograría 2 deputados (un pola Coruña e outro por Pontevedra), e Vox un pola provincia da Coruña.