CRTVG

Buscar

Enfróntase a nove anos de cadea por presuntamente estafar e roubar unha amiga con deterioración cognitiva

Publicado o 15/09/2021 14:25

Os feitos xulgados tiveron lugar polo menos entre abril de 2018, cando a vítima, que padece un deterioro congnitivo, ingresou nunha residencia de maiores, e marzo de 2019, cando os familiares se decataron do que estaba a suceder ao facer un inventario para solicitar a incapacidade da muller.
Acusada e vítima estableceron amizade a raíz de coñecerse na entidade bancaria na que traballaba a denunciada.

No interrogatorio da fiscal, recoñeceu ir buscar habitualmente a vítima á residencia para sacala de paseo e retirar cartos no banco para os seus gastos. Cantidades de entre 2.000 e 4.000 euros, que asegura que a amiga gastaba en roupa e accesorios, pero da que nunca tiveron constancia na residencia nin na casa, e tamén en ir supostamente ao salón de peiteados.

A acusada negou ter nada que ver coa desaparición dun abrigo de visón, xoias e títulos de propiedade que a vítima tiña nun armario da casa, malia recoñecer que si acudira á vivenda e a ese armario en busca dunha prenda de roupa. O que non foi quen de explicar a acusada é por que mentres traballou na entidade bancaria non rexistrou o documento para facer cotitular das contas a prima e encargada dos coidados da vítima.

A fiscalía solicita para a acusada 5 anos de cadea por un delito de estafa continuada por valor de 17.973 euros, e outros catro anos por un delito de roubo en casa habitada dun abrigo e xoias taxadas en 8.950 euros.

Deberá facer fronte ademais á devolución dos 27.500 euros que suman o subtraído en ambos delitos.

 

Noticias web

15/09/2021