CRTVG

Buscar

Enfróntase a catro anos e nove meses de cárcere por apropiarse de diñeiro da nai e coaccionala

Publicado o 21/05/2019 14:50

Na Audiencia de Pontevedra xulgaron esta mañá unha veciña da localidade das Neves que, supostamente, coaccionou a súa nai e apropiouse de máis de 80.000 euros de dúas contas bancarias.

Nai e filla vivían na casa familiar á que, polo menos en dúas ocasións, tivo que acudir a Garda Civil para que outra filla puidera visitar a nai.

Unha desas veces, en febreiro de 2017, a nai, de 81 anos, quería marchar con outra filla e os axentes tiveron que mediar porque a procesada non lle quería dar os medicamentos, nin a documentación nin a roupa.

Dous días despois, a acusada retirou máis de 80.000 euros de dúas contas en que figuraba coa nai e a continuación ingresou eses cartos noutra a medias co seu compañeiro sentimental.

A nai declarou que a procesada nunca traballou e que os cartos desas contas procedían das pensións que cobraba por viúva, da súa xubilación e do alugueiro dun baixo.

A fiscala e a acusación particular piden para a acusada catro anos de cárcere por apropiación indebida, nove meses por coaccións e que indemnice a nai co diñeiro subtraído das contas bancarias.

Noticias web

21/05/2019