CRTVG

Buscar

Enfróntase a 17 anos de cadea tras ser acusado de matar o seu compañeiro de piso na Coruña

Publicado o 07/09/2020 15:54

Na Coruña comezaba hoxe o xuízo polo asasinato dun home a mans do que era o seu compañeiro de piso. Os feitos ocorreron en abril do ano pasado nun edificio do barrio de Labañou.

O acusado, segundo o escrito da Fiscalía, residía no inmoble desde mediados do mes de marzo de 2019, nunha vivenda que tiña arrendada a vítima. Ambos os dous mantiñan unha relación de amizade desde había tempo, pero, desde principios de abril do ano pasado, arrefriou chegando incluso a non falarse entre eles nos días previos ao asasinato.

Ese día, o 12 de abril, contra as doce e media da noite, protagonizaron unha discusión e enfrontamento verbal. Sen máis, segundo o escrito da acusación, de xeito sorpresivo e repentino e sen darlle ningunha oportunidade de reacción defensiva á vítima, o investigado agarrouno polo pescozo e apertouno fortemente durante varios minutos.

Engade que, continuando coa súa intención de quitarlle a vida, colleu o cinto que a vítima levaba posto, colocoullo no pescozo e presionou con forza ata provocarlle a asfixia e a morte.

Despois, chamou unha coñecida de ambos os dous para contarlle o que fixera. Ao ver que esta non chegaba, baixou á rúa e chamou a policía dicíndolles, segundo o escrito do ministerio público, que enviasen unha patrulla para prendelo porque cometera un crime.

Tras ser detido, foi diagnosticado de personalidade con algún rasgo esquizoide, pero que non afecta a súa vontade nin a súa capacidade de compresión dos feitos.

Agora é investigado por un delito de asasinato e a Fiscalía pide para el 17 anos de cadea. Está previsto que o xuízo se prolongue durante toda esta semana.

O acusado alega arrebato

Tras a selección do xurado, declarou o acusado, quen admitiu que discutía co falecido por diñeiro, pero negou que debese o alugueiro.

Tamén alegou que a vítima difundira un vídeo sexual del, do que o Ministerio Público nega a súa existencia.

Ademais sostivo que o agredido mantivo unha actitude de "burleiro", de "bravo" durante a discusión e que acabaron forcexando ata que, con posterioridade, asfixiouno. "Non estou orgulloso", dixo.

Noticias web

07/09/2020