CRTVG

Buscar

Enfróntase a 10 anos de cárcere por ameazar e reter a ex-parella

Publicado o 27/11/2019 14:01
Enfróntase a 10 anos de cárcere por ameazar e reter a ex-parella

Na Audiencia Provincial da Coruña quedou visto para sentenza o xuízo contra un home que está acusado de ameazar cun coitelo a súa ex-parella dentro do domicilio dela, retela e roubarlle o coche co que despois se esnafraría adrede, segundo o fiscal e a acusación particular. Os feitos sucederon na estrada que une Monforte de Lemos co Alto do Faro, en xullo do ano 2017.

A vítima declarou esta mañá que no momento tivo medo e ata pensou en tirarse desde a azotea do seu piso. Tamén explicou que recibira varias mensaxes por WhatsApp ameazantes.

O fiscal e o avogado da muller acúsano de catro delitos, polos que lle piden penas de prisión que suman dez anos e unha multa de máis de tres mil euros.

A acusación particular reclama, ademais, unha indemnización de seis mil euros polo dano moral causado á muller, e a compañía de seguros pide os 1.249 euros que aboou polo coche sinistrado.

O acusado declarou que non se lembraba de case nada e explicou que o coitelo que levaba era para autolesionarse. O seu avogado, que só admitiu a existencia dun delito de coaccións, cualificou de sobredimensionado o relato dos feitos e de desproporcionadas as penas solicitadas.



 

Noticias web

27/11/2019