CRTVG

Buscar

Endesa solicita o peche da central das Pontes

Publicado o 27/12/2019 21:45

• Xustifícano por razóns medioambientais e económicas, aínda que poderían dar marcha atrás se funcionan as novas probas con combustibles alternativos

• O persoal ve insuficiente o seu plan de renovables na comarca

• A Xunta ve precipitada a decisión e pide "unha transición xusta"

• O Goberno confía no resultado "positivo" das probas con biomasa

 

Endesa anunciou este venres que presentou a solicitude formal para pechar a central térmica de carbón importado das Pontes, debido á "profunda modificación das condicións de mercado" e a que as probas con biomasa non foron "satisfactorias", o que fan que a planta sexa "inviable".

Nun comunicado, a compañía explica que se rexistrou un incremento substancial no prezo dos dereitos de CO2 e unha caída significativa do prezo do gas, o que levou a que a planta coruñesa "sufrira unha importante falta de competitividade na cobertura da demanda de mercado e a que, por conseguinte, acentuouse a súa exclusión de este".

"Por estes motivos, e ante a clara ausencia de perspectivas de mellora no futuro, a empresa xa anticipara en setembro aos mercados e ás autoridades institucionais e axentes sociais a decisión de promover a discontinuidade da actividade da central", incide a enerxética.

O plan alternativo de Endesa non convence aos traballadores

Os traballadores agardaban en parte este anuncio, pero lonxe de desanimalos din que van seguir pelexando. Confían en atopar unha enerxía alternativa para manter en funcionamento esta central. Agardan que as probas con biomasa resulten positivas. Desde Endesa, explican que piden o peche porque cos custos dos dereitos emisión de CO2 e a caída do prezo do gas a central xa non é competitiva. A empresa, nun comunicado, di que garantirá os postos de traballo e ademais presenta un proxecto. Propón substituír a enerxía térmica por enerxía eólica. Esta proposta, de momento, non convence os traballadores.

Endesa argumenta a solicitude do peche da central no incremento do custo dos dereitos de emisións CO2 e do prezo de gas. Din que así non é competitiva. Con todo a enerxética di que garantirá os 174 empregos da central.

Miguel Temboury, director de Endesa no Noroeste: "Endesa priorizará a contratación destes traballadores nas obras de desmantelamento que empezarán, previsiblemente, en 2022. Tamén priorizará a contratación destes traballadores nosproxectos de enerxías renovables que se leven a cabo en Galicia".

E é que Endesa propón substituír os 1.500 megawatts que a central producía coa enerxía térmica, por enerxía eólica. Un proxecto que segundo Endesa crearía 1.500 empregos durante a posta en marcha, e 125 cando xa estea funcionando. Pero esta proposta non convence os traballadores. Eles seguen apostando por encontrar unha enerxía alternativa como a biomasa para que a central siga funcionando.

Marcos Prieto, vicepresidente do comité de empresa de Endesa: "Realmente nós o que queremos é que cando se decida pechar a central sexa porque non hai alternativa".

A Xunta ve precipitada a decisión e pide "unha transición xusta"

O conselleiro de Industria lamenta este peche que cualifica de inxusto e di que a Xunta non o asume. Francisco Conde critica ademais a ausencia do Goberno central porque non toma medidas, dixo, para as 750 familias que viven da central das Pontes nin para a comarca.

A través de Twitter, Alberto Núñez Feijóo volveu reclamar unha transición enerxética gradual para evitar un desmantelamento industrial con consecuencias, asegura, irreversibles. Lembra que o peche da central afecta máis de 700 familias, e reclámalles alternativas tanto ao Goberno central como a Endesa.

 

 

O ministerio di que velará por asegurar o emprego

Reacción do Goberno central ao peche das Pontes. Nun comunicado o Ministerio para a Transición Ecolóxica di que respecta a decisión de Endesa, pero que "velará activamente por asegurar o emprego e a xeración de actividade económica". Desde o ministerio recordan o compromiso de Endesa co mantemento dos postos de traballo e do investimento e engaden que confían no resultado positivo das probas para manter activos dous grupos da central das Pontes con biomasa.

BNG critica tanto á Xunta como ao Goberno

Desde a formación nacionalista din estar preocupados por este anuncio. Ana Pontón sinala como responsables da situación o Goberno de España e tamén o galego. A voceira nacional do BNG recorda que "Endesa explotou os recursos naturais galegos durante anos gañando millóns de euros" e que agora, di Pontón, non pode "deixar tirada a Galicia".

Os dereitos de emisión de dióxido de carbono condenaron a central 

A crise do carbón e as decisións do ministerio de Transición Ecolóxica en España colleron a Endesa co pé cambiado. Tiña plan de manter a produción varios anos máis. Por iso modernizou a súa planta, para reducir as emisións contaminantes e adaptarse á directiva europea. Pero o pasado mes de setembro, tras meses coas centrais case paradas, a compañía aceleraba o peche. Dende primeiros de ano as plantas non conseguen vender a súa electricidade no mercado polo cara que é producila como consecuencia do encarecemento dos dereitos de emisión de dióxido de carbono.

Neste tempo, as esperanzas estiveron sempre nas probas para usar biocombustibles. Aí estiveron postos todos os esforzos. A Xunta pedíndolle ao Goberno central a continuidade da central das Pontes e reclamando un prezo da enerxía competitivo. O alcalde da vila, socialista, demandando do ministerio unha vía de futuro. Esperanzas agora truncadas.

O peche da térmica provocará a destrución de moitos postos de traballo. 160 directamente na central, pero de forma indirecta outros 400 empregos destruídos.

Entre eles, máis dun cento de camioneros que transportaban ás Pontes o carbón de importación que chegaba ao porto de Ferrol. Tamén a vila se resentirá porque As Pontes vai unida a central térmica.