CRTVG

Buscar

Endesa prevé pechar a térmica das Pontes a mediados de 2021

Publicado o 10/03/2020 21:26

Endesa fixa para mediados do ano que vén o peche da térmica das Pontes se non dan resultado as probas con biocombustibles. Foi o que a empresa comunicou na mesa de seguimento do proceso de transición ecolóxica da térmica das Pontes. O encontro terminou sen solucións a curto prazo. "É decepcionante, porque, unha vez máis, o Ministerio presentouse sen propostas e alternativas. E Endesa segue coa intención clara de desmantelar a planta", di o conselleiro de Economía, Francisco Conde. 

Na xuntanza, o Goberno trasladou que fará un seguimento das probas con biocombustibles. "Os resultados das probas que se van facer nos meses de abril e maio aclararán parte do escenario, o cal non quita que Endesa mostre o seu compromiso cos traballadores", afirma Valentín Formoso, alcalde das Pontes. No encontro buscábanse medidas que garantan a actividade dos 200 traballadores auxiliares, que a día de hoxe só teñen comprometida a ocupación para o primeiro trimestre do ano, e tamén para os transportistas, que xa acumulan dez meses parados, e mais para o cadro de persoal da térmica a fin de evitar os seus deprazamentos. O presidente dos Transportistas do Carbón, Manuel Bouza, di: "hai proxectos a longo prazo, pero tamén fan falta proxectos a curto prazo". 

"Nós loitamos por unha alternativa sólida e sostible económica e tecnicamente, que fixe emprego", engade Marcos Pietro, vicepresidente do comité de empresa da central das Pontes.  En 15 días fixarán un novo calendario de negociacións para evitar o peche de Endesa.

Noticias web

10/03/2020