Endesa prevé a xeración de 1.600 empregos coa súa planta de hidróxeno nas Pontes

Endesa detalla hoxe os seus plans para As Pontes (A Coruña), onde cesou a produción de electricidade na planta de carbón. A enerxética ten en proxecto a construción dun electrolizador de 100 MW, cuxa construción conlevaría a creación duns 1.600 empregos durante os 18 meses de construción.
A construción do electrolizador, que se prolongaría durante uns 24 meses desde o seu inicio, daría emprego a unhas 120 persoas, e a súa operación e mantemento durante uns 20 anos precisaría do traballo dunhas cen persoas.
O investimento total no proxecto das Pontes alcanzaría os 738,21 millóns de euros e o complexo produciría 10.000 toneladas de hidróxeno verde. Ademais, segundo a empresa, xeraría uns 130 empregos nos labores de operación e mantemento (100 no electrolizador e outros 30 nos parques eólicos).
Este é o máis avanzado dos 23 proxectos que Endesa quere desenvolver en España en relación co hidróxeno renovable, por valor de máis de 2.900 millóns de euros para poñer en marcha 340 megawatts (MW) de potencia en electrolizadores alimentados con 2.000 MW de potencia renovable.
A eléctrica informou este luns de que presentou ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica unha carta de interese para desenvolver eses proxectos.
O resto de propostas na península desenvolveríanse en Huelva, Teruel, Almería, Tarragona, o val do Ebro (Hidróxeno do Cierzo), Compostilla (León) e Seseña (Toledo).
Todas xuntas supoñerán unha potencia asociada en electrolizadores de 215 MW, a creación de máis de 500 empregos nas fases de construción e arredor de 220 máis nas fases posteriores de operación e mantemento.
Os proxectos para desenvolver na Península suporán en total 2.000 millóns de investimento e unha potencia agregada de electrolizadores de 315 MW.
En canto aos proxectos extrapeninsulares, hainos de produción de enerxía con hidróxeno verde en novas plantas de xeración en Barranco de Tirajana e Granadilla, nas Canarias, e en Alcudia, en Baleares, que sumarán 25 MW en electrolizadores.
Os proxectos de hidróxeno verde expostos por Endesa desenvolveranse en zonas afectadas polo peche de centrais, en sistemas de xeración de enerxía insulares, aplicacións na industria química, substitución de consumos térmicos e como combustible para transporte pesado.
A produción total de todos eles, unha vez postos en marcha, sumaría 26.000 toneladas anuais de hidróxeno.