CRTVG

Buscar

Endesa non quere pechar As Pontes, pero admite que non atopa alternativas ao carbón

Publicado o 02/10/2019 21:03

• Foi o que trasladou na xuntanza cos traballadores da central, co Goberno e coa Xunta | Acordaron crear un grupo de traballo para buscar solucións a curto prazo

• Os transportistas recibirán este xoves unha proposta do Goberno

 

Endesa non ten previsto, polo momento, pechar a central térmica das Pontes, pero admite que aínda non ten unha alternativa viable para que poida seguir funcionando sen queimar carbón. Foi o que trasladou esta mañá na xuntanza cos traballadores, co Goberno e coa Xunta. O Executivo porá en marcha un grupo de traballo permanente con todas as partes para buscar solucións a curto prazo.

Foi a primeira xuntanza con todas as partes sentadas na mesma mesa: a dirección de Endesa, os traballadores, a ministra de Transición Ecolóxica e a Xunta. E tamén a primeira en que quedaron claros os plans da empresa: Endesa di que de momento non solicitou o peche da central das Pontes, e que traballa en buscar alternativas ao carbón, pero admite que ata o de agora non atopou ningunha viable.

A Xunta pide a intervención inmediata do Goberno central. Que tome medidas de impacto e a curto prazo para garantir unha transición ecolóxica xusta. Propón eliminar o céntimo verde ou facer reducións fiscais, que permitan que a central poida seguir funcionando.

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria, "non temos tempo, e polo tanto pedimos unha reacción inmediata e que todas estas medidas que hoxe trasladou a Xunta e as que trasladaron Endesa e os traballadores se poidan implantar de forma inmediata".

Os traballadores e o Concello das Pontes esixen un compromiso por parte da empresa e do Goberno para que manteña o cen por cento do emprego ata que se atope unha solución de futuro.

Alberte Amado, CIG, "entendemos que non podemos empezar un proxecto de transición nin un cambio de modelo produtivo co lastre dos compañeiros despedidos. Para nós é básico que ese compromiso o faga efectivo".

Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, "mecanismos alternativos de xeración de emprego que garanta o emprego ás persoas que dependen dese complexo".

O Goberno comprometeuse a activar unha mesa de traballo permanente, que se reunirá de novo antes dun mes. E anunciou que nas próximas horas vanse poñer en contacto cos transportistas do carbón, que levan cinco meses parados, para ofrecerlles algún tipo de solución.

 


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/10/2019