CRTVG

Buscar

Endesa comunica aos sindicatos que comezará a prescindir das auxiliares das Pontes o 1 de xullo

Publicado o 15/06/2021 19:50

• Convocan unha protesta ante a Xunta este xoves en Santiago de Compostela

Endesa comunica aos sindicatos que comezará a prescindir das auxiliares das Pontes o 1 de xullo
EP

A dirección de Endesa trasladou aos sindicatos CCOO, UXT e CIG que comezará a prescindir de empresas auxiliares a partir do 1 de xullo na central térmica das Pontes. O 30 de xuño, precisamente, finaliza a garantía de emprego coa que a empresa eléctrica se comprometeu ante os representantes dos traballadores.

Así o comunicaron os sindicatos tras un encontro bilateral con responsables da empresa, celebrado este luns, e tras o que lamentaron que "se confirman as peores expectativas para o mantemento do emprego na central térmica". Endesa comunicoulles que non pode seguir mantendo o emprego ante a prolongación do proceso de peche e a falta de apoio das institucións ao seu plan de futuro Por iso, desde o 30 de xuño espérase unha redución progresiva do persoal das auxiliares e un mantemento de mínimos deste persoal polo deber de manter formalmente operativo algún grupo da factoría.

 A compañía comunicou o inicio dos traslados fóra das Pontes dos seus empregados "a partir de 1 de xullo". Nun primeiro momento afectará uns poucos traballadores, "pero xa o 1 de agosto será un grupo numeroso o que teña que emigrar", xa que só manterán "un grupo reducido para cubrir o mínimo necesario". Os sindicatos censuran esta situación despois de que a empresa "sacara millóns de euros de beneficios á conta das Pontes e agora aboca ao paro e á emigración os traballadores", ademais dunha "perda económica irreparable á actividade económico da propia vila".

En canto ás administracións, acúsanos de "enchérselles a boca de falar de transición xusta" e de reiterar que "non se vai a quedar ninguén atrás, e agora nin tan sequera responden ás peticións enviadas de reunións por separado á ministra para a Transición Ecolóxica, á ministra de Traballo e ao presidente da Xunta". É por iso que os tres sindicatos decidiron facer un chamamento a todos os cidadáns para que participen nunha nova concentración que teñen convocada para este xoves, 17 de xuño, ás 12.00 horas, ante o edificio administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela, para o que poñen ao dispor dos interesados autobuses gratuítos para desprazarse desde As Pontes á capital de Galicia.

Noticias web

15/06/2021