Endesa comprométese a presentarlles aos traballadores das auxiliares da Pontes e aos transportistas as súas propostas
Na próxima reunión que se vai celebrar entre mañá e pasadomañá, os transportistas do carbón esperan que Endesa lles presente un borrador coas propostas da dirección. A isto se comprometeu a empresa , segundo os representantes dos camioneiros, nesta última xuntanza. A empresa sabe, sinalan os transportistas, que o que están a pedir é unha transición xusta.
"Unha transición xusta sería que antes de parar a térmica lle desen á vila das Pontes unha rede de empresas que puideran aguantar dos camioneiros, das auxiliares, dos sindicatos, do comercio da vila, iso sería unha transición xusta", di o presidente dos transportistas do carbón.
Algúns dos transportistas aquí concentrados levan ata 21 meses sen facturar nada. Na xuntanza de hoxe, polo menos, recibiron a intención de Endesa de compensar os camioneiros.
"Endesa xamais dixo o que dixo hoxe, que se había que mirar dunha compensación aos camioneiros. Iso para min é importante", afirma o presidente dos transportistas do carbón.
En tres meses cúmprese o prazo para o peche da térmica das Pontes. Os transportistas e os traballadores das industrias auxiliares seguirán bloqueando a entrada da central ata que vexan as cousas claras e asinadas.
Endesa trasladou ao Ministerio de Transición Ecolóxica o seu interese por desenvolver 17 proxectos candidatos aos fondos europeos de recuperación.
Destes proxectos, catro serían para a comarca de Ferrolterra. Entre eles figuran a posta en marcha dunha planta de hidróxeno renovable nas Pontes ou a reconversión da terminal que a empresa ten no porto exterior de Ferrol.