CRTVG

Buscar

Endesa cerrará a central térmica antes do previsto, aínda que sen data

Publicado o 28/09/2019 11:10

Endesa anuncia o peche de todas as súas centrais de carbón, incluída a das Pontes. + A compañía asegura que a térmica pontesa xa non lle é rendible, pero polo momento non lle pon data ao peche. 

A noticia saltou esta tarde. Endesa anuncia que non vai continuar coa produción das súas centrais de carbón de importación porque non lle son rendibles tendo en conta os altos custos que teñen que pagar polas emisións de CO2. A decisión aféctalle directamente a esta planta das Pontes, que leva xa cinco meses parada por ese motivo. Endesa non aclara cando ten previsto pechala, e deixa aberta a posibilidade a buscarlle outras alternativas de futuro.

Endesa fixo pública a súa decisión a través deste comunicado que lle enviou á Comisión Nacional do Mercado de Valores. Nel anuncia que deixará de producir nas súas centrais térmicas de carbón, aínda que matiza que avaliará outras opcións de futuro para elas.

A decisión aféctalles ás centrais das Pontes e de Almería, as únicas que Endesa tiña previsto manter producindo ata 2030. Pero no mesmo comunicado, a empresa explica que as condicións cambiaron, e que co alto prezo dos dereitos de emisión de CO2, un 50% máis caros que o ano pasado, xa non lle son rendibles.

Endesa evita falar de peche das dúas centrais, e de feito non lle pon data á súa clausura. Pero con esta decisión fai máis incerto aínda o futuro da central térmica das Pontes, que leva xa cinco meses sen actividade.

As protestas dos traballadores da central térmica das Pontes intensificáronse nas últimas semanas. A pasada, houbo unha manifestación multitudinaria para pedir solucións que eviten o peche da planta, un dos motores económicos das comarcas do Eume, de Ferrolterra e da Terra Chá. Os sindicatos calculan que entre directos e indirectos, a central térmica das Pontes xera uns mil postos de traballo.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/09/2019