Encoros cheos e incidentes nos ríos na provincia de Lugo
O encoro de Belesar encóntrase ao 92 por cento da súa capacidade. Para aliviar tanta auga, foi preciso abrir máis da metade das súas comportas, mentres que na presa dos Peares se abriron na súa totalidade. Como é algo que non se ve todos os días, algúns veciños dos arredores achegáronse para ollar este espectáculo.
"Viñemos aquí para ver como caía a auga, e a verdade é que impresiona moito, así que habemos volver outra vez", di un veciño da zona.
En Monforte, a enchente do Cabe provocou danos na beira do río. A forza da auga fixo que rompese parte do dique fluvial no barrio de Ramberde.
"Estes días alcanza unha altura bastante elevada. E, polo que acabo de ver, estragou un cacho do lateral do río". "Cando viñera outra enchente, xa hai dous anos, baixara aquel anaco alí abaixo. E agora, con esta cantidade de auga, volveuna baixar", sinalan varios veciños.
Ademais, o río desbordouse á altura do club fluvial de Monforte, onde chegou a cubrir parte das instalacións xunto a unha presa.
"Aquí pasa todos os anos. Cando leva uns días chovendo moito, inúndase todo por aí. Vai subindo a auga por onde está o parque e vai anegando por todo", comenta outro veciño.
Na cidade de Lugo o Miño tamén se desbordou. De feito, o Concello pechou un tramo do paseo fluvial, á altura das termas romanas.