CRTVG

Buscar

Encoros ao 90 % da súa capacidade no río Miño

Publicado o 10/02/2021 14:59

En 24 horas, o río Avia subiu un metro en Ribadavia. A confluencia co Miño, na mesma vila, é unha das zonas que a Confederación Hidrográfica ten en prealerta. Protección Civil xa cortou camiños inundables ante a previsión de novas enchentes.

"Co que choveu estes días, é normal que vaia así, pero mete respecto", di unha veciña de Ribadavia.

O risco de inundacións esténdese ao Arnoia, que xa rebordou en Baños de Molgas, ao Támega, na comarca de Monterrei, e ao Limia. Na cidade, o Miño cobre xa as piscinas de Oira, que só se aprecian a vista de paxaro.

"Estraga as piscinas por completo, arrastra moita pedra". "Onte xa empezou a subir. Co que leva chovido, é imposible", comentan dous veciños.

O caudal do Miño achegouse aos 1.500 metros cúbicos por segundo, o dobre que a semana pasada. A chuvia deu unha tregua, pero a Confederación Hidrográfica prevé un empeoramento nas próximas horas.

Carlos Ruiz del Portal, xefe de Planificación Hidrolóxica da CHMS: "Sesenta litros por metro cadrado en 24 horas e 40 en 12 horas. Pode haber rebordamentos, polo que hai que ter moita precaución á hora de achegarse aos paseos fluviais".

O encoro de Velle roza o 80 por cento, pero as porcentaxes superan o noventa por cento en Castrelo, Frieira e nos Peares.

Noticias web

10/02/2021