CRTVG

Buscar

Encontro interxeracional en Monforte para coñecer como mudou o mundo

Publicado o 09/05/2019 14:20

As vivencias sobre a etapa escolar centraron en Monforte o diálogo entre os alumnos da ESO dos Escolapios e varias persoas maiores. A través destes encontros, os rapaces coñeceron como mudou o sistema educativo nos últimos 60 anos e reflexionaron sobre o papel da educación na actualidade.

"Había colexios separados de homes e mulleres. Agora si estamos todos mesturados. Está bastante mellor, a verdade, e eu penso que non había o mesmo nivel de traballo".

"Descubrín a educación desta xente, posto que é moi diferente á nosa. Descubrín cousas que non sabía sobre a nosa educación, tamén. Cousas que eu cría que antes tamén se facían, pero non, e cousas que antes se facían e agora non. Gustoume coñecer o seu pasado".
"Impactoulles ver que antes practicamente non tiñan oportunidades para poder estudar, cando hoxe as teñen todas."

Estes encontros entre varias xeracións foron organizados pola Área de Envellecemento Activo da Obra Social de Abanca. As persoas maiores que participaron son voluntarias do Espazo +60 Afundación de Monforte, que valoraron a experiencia como enriquecedora non só para os rapaces, senón tamén para elas.

"Eles aprenderían de nós que hai moita diferenza dos nosos estudos, pero eu tamén o noto con eles. Iso é o que eu vexo".

Xosé Luís Liñares, Área de Envellecemento Activo de Afundación: "Con este programa en concreto falamos da escola. Trátase de que o alumnado coñeza a historia da educación e que descubran que o sistema escolar é moi recente, que as persoas maiores non tiveron as mesmas oportunidades educativas que eles teñen hoxe en día, e sobre todo que haxa un diálogo en que descubran cales foron as circunstancias de vida que tiveron as xeracións que nos preceden".

Con programas de voluntariado coma este, trátase de aproveitar a experiencia vital das persoas maiores para beneficiar outros grupos da sociedade ao tempo que se amplían as súas oportunidades de participación social.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/05/2019