Ence defenderá prórroga da fábrica en Pontevedra "ata as últimas instancias"

A empresa Ence reiterou este xoves que defenderá a legalidade da prórroga concedida á súa fábrica en Pontevedra "ata as últimos instancias" e que non renunciará á súa continuidade no seu actual emprazamento.
Nun comunicado, a compañía asegura que manterá esta loita "en interese" dos seus traballadores, os seus provedores e "as máis de 5.000 familias" que, segundo os seus datos, dependen do funcionamento da factoría pontevedresa.
Ence sae ao paso desta maneira da valoración da axenda de rating Moody’ s que, nun informe publicado onte, concluía que a compañía podería compensar o impacto dun hipotético peche da fábrica de Pontevedra co negocio da enerxía renovable.
A empresa non renunciará ao seu proxecto empresarial en Pontevedra e, a este respecto, insiste que a súa actividade industrial na cidade galega réxese polos "máis altos estándares" de responsabilidade ambiental.
Todos os parámetros da súa factoría, engade Ence, melloran "amplamente" as normas e autorizacións ambientais "máis esixentes" a nivel español e europeo e, entre outros selos de calidade, conta desde 2014 coa etiqueta ecolóxica Nordic Swan.
Proba diso, segundo a compañía, é que a súa fábrica de Pontevedra está xunto a "importantes" bancos de marisqueo e nas súas inmediacións hai ata cinco praias que contan co distintivo ambiental da bandeira azul.