CRTVG

Buscar

Ence continúa coas protestas en defensa da continuidade da fábrica en Lourizán

Publicado o 19/02/2021 17:15

Os traballadores de Ence, apoiados por todo o sector forestal e as auxiliares chegaban á sede da delegación do Goberno na Coruña nunha caravana de vehículos que saía de Marín, onde está a factoría. Protestan contra a nova lei do cambio climático que, segundo din, ameaza o futuro da pasteira.

Centos de vehículos non só de traballadores directos da fábrica, senón tamén de traballadores das empresas auxiliares, do sector forestal e os transportitas participan nesta caravana que saíu do porto de Marín con destino á sede daDdelegación do Goberno na Coruña. Protestan en contra da Lei de cambio climático que impide a continuidade da fábrica na ría de Pontevedra. Os traballadores din que un cambio de localización suporía o peche de Ence e que están en risco máis de cinco mil postos de traballo. 

A caravana partiu de Marín cun obxectivo claro: chegar á Coruña para falar co delegado do Goberno en Galicia e pedirlle a súa intermediación co Ministerio de Transición Ecolóxica para que retire o artigo da Lei de cambio climático que ameaza o futuro da pasteira. 

A nova lei de cambio climático concédelle a Ence 12 anos máis nas instalacións de Lourizán ao computar a concesión desde o seu outorgamento no ano 1958; moi lonxe dos 60 anos de prórroga outogados polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy no 2016. Con esta situación, os traballadores temen o peche da fábrica. 

Os traballadores da fábrica estiveron acompañados na súa protesta por todo o sector. As empresas auxiliares, o sector loxístico e forestal tamén se ven ameazados. 

En total uns cinco mil postos de traballo directos e indirectos dependen do futuro da pasteira. Mentres a Lei se tramita este mes no Congreso dos Deputados, os traballadores din que seguirán coas protestas.

Noticias web

19/02/2021