CRTVG

Buscar

Procesados todos os policías presentes no arresto de George Floyd

Publicado o 04/06/2020 09:01

Os catro policías presentes no arresto de George Floyd están procesados. A Fiscalía eleva os cargos contra todos. Derek Chauvin, que puxo o xeonllo no pescozo da vítima asfixiándoo, deberá afrontar a acusación de asasinato en segundo grao. Os outros tres ex axentes, a de axudar e instigar o crime.

"Creo firmemente que estes cargos van no interese da xustiza, para o señor Floyd, a súa familia, a comunidade e o Estado", di Keith Ellison, fiscal xeral de Minnesota.

A familia da vítima está satisfeita coa elevación da acusación e o arresto de todos os policías que tiveron que ver na morte de George Floyd. Os servizos fúnebres na súa honra comezan hoxe, durarán seis días e levaranse a cabo en Minneapolis e Houston.

"Estas últimas semanas foron tráxicas, e difíciles e deron medo, pero tamén foron unha oportunidade incrible para a xente, para espertar" Barack Obama, ex-presidente dos Estados Unidos.

Barack Obama lanzou unha mensaxe de apoio aos mozos negros dos Estados Unidos, os que máis se están a mobilizar estes días.

"O país precisa lei e orde. Hai un grupo de xente mala que usan a George Floyd e a outras persoas para facer cousas malas. Nova, York, é un desastre o que está pasando en Nova York".

O presidente dos Estados Unidos di que é un desastre o que pasa en Nova York, ao tempo que Washington vive un despregamento de efectivos de defensa insólito.

As protestas multitudinarias continúan con forza a pesar disto e dos toques de queda, que moitos consideran que só buscan acalar o descontento.

Incluso ex-altos cargos da administración o ven así, como o xeneral James Mattis, antigo secretario de Defensa. Dixo que Donald Trump quere dividir o país, nunha dura carta na que o acusa de abuso de autoridade e de ordenar ao exército que viole os dereitos constitucionais dos estadounidenses.

Noticias web

04/06/2020