CRTVG

Buscar

Encarcerado o suposto autor do roubo da xoiería na zona vella de Santiago

Publicado o 30/09/2019 13:59

A pegada da acción violenta que protagonizou un senteito na zona vella compostelá permanece catro días depois do suceso. O presunto autor está agora encarcerado.

Levouno ante o xuíz a policía nacional o sábado. Está acusado de rachar o escaparate e roubar pezas da xoiería e de, previamente, ameazar cunha machada viandantes que transitaban pola zona. Supostamente, o mesmo home ocupara ilegalmente un baixo da mesma rúa.

Os comerciantes amosaban hoxe unha tranquilidade relativa que non tiñan hai dous días, pero aseguran que o problema que orixina algún senteito persiste.

Fernando Parafita Calviño, propietario dunha cafetería próxima di que fai falla "un pouquiño más de presión (policial) sobre eles e incordialos no sentido de persuadilos de que na rúa non se pode beber, non se pode ouriñar... Algún tipo de presión policial e un pouco máis de vixilancia. O outro día nós tivemos un problema na terraza e a resposta policial tardou unha hora e cuarto en chegar. Menos mal que non foi a máis. Estiven de intermediario entre o cliente e o señor este, pero, ben... podiamos ir a máis".

O representante veciñal coincide na avaliación e tamén valora a detención do presunto autor do roubo á tenda de Carmen Pose. Para o presidente da asociación de veciños Fonseca, Roberto Almuíña, "o que supón é, de momento, unha tranquilidade. Pero, desde o noso punto de vista, o que hai que facer é estudar o relacionado coa seguridade na cidade histórica. A policía ten que estar na rúa. A policía non pode estar nos despachos. O dispositivo deste ano consta dunha patrulla e ás veces dúas na praza das Praterías. Alí hai unha aglomeración de xente pola catedral e entendémolo, pero tamén hai aglomeración de xente na rúa do Vilar e dáse na Porta Faxeira".

Comerciantes e veciños confían en que a xuntanza comprometida polo goberno municipal de Santiago para tratar esta problemática sexa efectiva. Nela exporán a necesidade de mellorar tamén a videovixilancia e iluminación baixo os soportais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2019