En Vilaboa poñen tope para o consumo de auga pola seca
A suma dun día solleiro e seco detrás doutro vai acrecentando a baixa das reservas hídricas ata o punto de ter que poñer un tope no consumo.
É o que están a facer asociacións de veciños que xestionan o abastecemento de auga no concello de Vilaboa.
José Luis López, presidente da Comunidade de Montes San Martiño de Vilaboa: "No monte noso temos seis traídas de auga particulares e o problema con esta seca é que empeza a auga a escasear. Cada traída ten a súa autonomía, pero xa hai varias que están a limitar o consumo diario de auga. Neste momento hai unha traída que é das máis grandes, con máis de cen socios ou billas, e o tope é de 1.500 litros por día".
Esa cantidade é dabondo para o consumo doméstico, explica José Luis López, pero o obxectivo é racionalizar e optimizar o uso da auga para evitar restricións máis severas.
"O ano pasado tamén houbo limitacións. No mes de setembro, cando se chegou a un tope máximo de 500 litros por día e billa", di López.
Os máximos establécenos segundo baixa o nivel da acumulada nos depósitos para a distribución.
Hai dous días noutro concello pontevedrés, en Campo Lameiro, a situación levounos a realizar cortes de seis horas pola noite.
Este tempo tamén tes efectos na vexetación. O presidente da Comunidade de Montes San Martiño de Vilaboa conta que "unhas plantacións de castiñeiros que fixemos hai dous anos están a pasar a factura desta seca. Secaron moitísimas plantas. Porque o castiñeiro cando é pequeno precisa algo de auga e así, seca".
En breve tocará replantar nesa zona desta contorna do parque forestal de Castiñeiras, abundante en auga de manancial ou de mina que agora acusa a falta de chuvia.