CRTVG

Buscar

Medo en Sárdoma tras o asasinato dun veciño octoxenario

Publicado o 09/01/2019 14:11

En Vigo aínda non hai detencións en relación co asasinato de Manuel Alonso Rivas, o octoxenario que apareceu morto na parroquia de Sárdoma. O roubo é unhas das hipóteses que se manexan como móbil do crime, pero a policía di que hai varias liñas de investigación abertas. Esta mañá, os axentes interrogaron algúns veciños da vítima, consternados polo acontecido. Teñen medo e agardan que se resolva canto antes a autoría dun crime tan violento.

Consternación na parroquia viguesa de Sárdoma, onde vivía o octoxenario asasinado. Os seus veciños aínda non poden crer o acontecido. Tampouco os clientes deste bar que frecuentaba o falecido, moi próximo ao camiño do Pontillón onde apareceu o seu cadáver. O roubo é unha das hipóteses que se baralla como móbil do crime, aínda que neste establecemento din que Manuel Alonso Rivas non alardeaba de cartos.

De feito, a Policía Nacional confirmou que non se descarta ningunha hipótese e que hai abertas varias liñas na investigación, incluído o ámbito máis próximo á vítima. Polo de agora, non se produciron detencións, algo que preocupa os veciños de Sárdoma. Senten medo ante un crime tan violento.

Nas últimas horas, axentes da Policía Xudical rexistraron a vivenda do octoxenario e tomaron testemuño a algúns dos seus veciños. Tratan de reunir máis datos para determinar a autoría do crime e concluír se a morte de Manuel Alonso Rivas se produciu na súa casa ou no lugar onde apareceu o seu corpo con varios golpes na cabeza, cos pés atados e envolto con bolsas e trapos entre a maleza.


 

Noticias web

09/01/2019