CRTVG

Buscar

En Valencia reabren as discotecas con horarios diferentes e sen pistas de baile

Publicado o 13/12/2020 14:52

O ocio nocturno... reinvéntase. A mediados de agosto, o Goberno valenciano decidía pechar o sector polo avance dos contaxios. Agora catro meses despois poden volver abrir, cumprindo, iso si, certas restricións. O ocio nocturno pasa a ser case diurno. As discotecas poden abrir desde as cinco da tarde ás doce da noite e os pubs desde as doce da mañá ás doce da noite, cunha ocupación do 30 por cento e coas medidas de seguridade e hixiene xa coñecidas: "A distancia entre mesas é de metro e medio, agora non se pode bailar e hai que ter a máscara mentres non se consome", di un empresario do ocio nocturno

Din desde o sector que de 2.000 establecementos, máis de 300 non volverán abrir. Aínda así, moitos cren que é un alivio poder regresar á actividade.
"Entendemos as restricións actuais, comprendemos o que temos que cumprir e imos facelo para dar o primeiro paso para volver á normalidade"

Os clientes volvían con ganas de diversión esta primeira fin de semana de discotecas. Acostumados xa ás máscaras, o que peor levan, din, é o de non ter pista de baile, pero moitos vanse conformando con bailar desde o asento.
"É un pouco raro porque non te podes divertir coma antes, pero ante todo a seguridade".
"Estamos todos sentados e é un pouco aburrido".

E para os que botan de menos os concertos, en Barcelona a Sala Apolo fixo na noite do sábado un experimento. Houbo uns 500 asistentes a un concerto despois de daren negativo nun test de antíxenos. Outro grupo de 500 quedaba fóra do recinto: "Estaba todo moi organizado e sentín unha sensación que hai moito que non sentía, que quería bailar", di unha asistente.

A todos eles faráselles un seguimento e unha proba PCR nunha semana. Así poderán confirmar que non se contaxiaron e comparar os resultados dos dous grupos.
O obxectivo é crear contornos seguros para reabrir espazos e eventos moi concorridos.

Noticias web

13/12/2020