CRTVG

Buscar

En Setembro comezarán a funcionar os novos xulgados concedidos a Galicia

Publicado o 10/07/2019 16:33

Dous xulgados do social, un en Vigo e outro en Santiago, e de primeira instancia número 14 da Coruña. Son as tres novas unidades xudiciais concedidas a Galicia polo Ministerio de Xustiza para este ano. Durante a visita que realizou esta mañá ás que van ser as dependencias do novo xulgado de primeira instancia na Coruña, Alfonso Rueda afirmou que a Xunta xa realizou todos os trámites para que as tres novas unidades poidan entrar en funcionamento o 30 de setembro. O vicepresidente da Xunta dixo que o Executivo galego ten feitos os deberes.

"Nós o que lle trasladamos ao Ministerio é que, se nos ofrece esa posibilidade, o 30 de setembro estariamos en disposición de poñelos en funcionamento no que respecta á Xunta de Galicia, que é dotalos de medios materiais, dotalos de espazos físicos e os funcionarios que son competencia nosa, que non é o letrado da Adminsitración de Xustiza, e o propio xuíz ou xuíza que se vai facer cargo, que iso é cousa do Ministerio", dixo Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta.

Estas novas unidades xudiciais supoñen para a Xunta un investimento de setecentos mil euros anuais para gastos de persoal e unha única partida de cento vinte mil euros en concepto de equipamento.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/07/2019