En Santiago propoñen agasallar cunha obra de arte polo Nadal
Lembrar que hai distintas formas de mercar nunha época tan consumista como é o Nadal é un dos obxectivos dun mercado de arte, que achega máis de trinta artistas galegos e algún internacional e distintos tipos de obras e disciplinas aos composteláns.
Delio Sánchez, coopropietario do espazo de arte Os Catro Gatos: "É unha maneira de que a xente pense en comprar algo diferente. Estamos acostumados sempre a ir aos mesmos sitios a mercar e sempre as mesmas cousas. E a verdade é que hai outro tipo de agasallos qe poden ser como máis personalizados e que chegan máis ao corazón, porque mercas un cachiño do corazón dun artista. Achegar a arte a todos os públicos é traer obra pois de todos os prezos e a verdade é que temos obras a partir de dez euros, ou sexa que hai para todos os petos e todos os gustos, ademais".
Ata o 5 de xaneiro poderemos visitar un mercado no que atoparemos debuxos, gravados, fotografía, escultura e artistas, porque moitos dos autores das obras estarán neste espazo falando do seu traballo.
Alfonso Sestelo, fotógrafo: "De cara aos cidadáns paréceme algo moi acertado, porque hai que dar outra alternativa aos centros comerciais e as cousas tan comercializadas. E a xente, ao mellor, non ten tanta asiduidade achegarse a sitios destes, porque tampouco existe moita oferta. Entón a posibilidade de ofrecerlle nun sitio unha oferta variada de distintas disciplinas e distintos artistas é moi acertado".
Unha obra de arte pode ser sen dúbida unha gran felicitación, en Nadal tamén.