CRTVG

Buscar

En risco o marisqueo en Lourido por verteduras de augas fecais

Publicado o 27/10/2020 13:34

Os primeiros paseantes da fin de semana na praia de Lourido atoparon esta zona totalmente asolagada por augas fecais. Foron dúas veces nunha semana, o que pon en serio risco o marisqueo na zona.

Esperanza Rodríguez, vicepresidenta da asociación de veciños de Lourido: "Isto é bastante común, levabamos unha temporada sen que saltase a bomba e nos botasen esta vertedura, pero agora no que vai de semana xa vai dúas veces, a última coincidiu en domingo e sinceramente botou motísimas horas e motísimos metros cúbicos de porquería na praia, que está dedicada ao marisqueo".

Segundo veciños e mariscadores, as verteduras deixaron tamén na praia unha morea de toalliñas hixiénicas, compresas e todo tipo de residuos. A orixe estaría na rotura dunha tubaxe do bombeo de augas fecais que pon en perigo esta praia de Lourido, zona de lecer e marisqueo por excelencia.

Josefa Moreiras, presidenta da asociación de veciños de Lourido: "É o marisqueo, zona de baño, olores... sae de todo, non só auga, e todo ese plástico logo repercute en todo".

Esperanza Rodríguez, vicepresidenta da asociación de veciños de Lourido: "Eu nacín aquí, crieime aquí, bañeime aquí, e todos os meus fillos e os meus netos, e isto é un desastre natural que non pode consentirse".

Dende a confraría de pescadores San Telmo amosan a súa preocupación porque a magnitude da vertedura pon en perigo a ameixa nesta zona, que xa tivo que ser pechada hai 4 anos polo mesmo motivo.

Noticias web

27/10/2020

Máis sobre Poio