CRTVG

Buscar

EUA comezará a impoñerlle aranceis á UE dentro de quince días, con España entre os países máis prexudicados

Publicado o 03/10/2019 01:17
EUA comezará a impoñerlle aranceis á UE dentro de quince días, con España entre os países máis prexudicados

Washington fixo o anuncio horas despois do agardado ditame da Organización Mundial do Comercio que lle deu a razón tras unha longa disputa. Tras quince anos, determinou que pode impoñerlles aos socios comunitarios sancións comerciais por valor duns 6.900 millóns de euros anuais: considera que iso foi o que perdeu en potenciais vendas o construtor aeronáutico estadounidense Boeing polas "axudas ilegais" que España, Alemaña, Francia e o Reino Unido lle deron ao consorcio europeo Airbus.

O presidente Donald Trump falou dun "gran triunfo" e dixo que a OMC estase portando "moito mellor co país" desde que el é presidente. Acto seguido, EUA informou de que o día 18 empezará por impoñer gravames do 10% ás grandes aeronaves civís que lle vende o bloque comunitario e do 25% a algúns produtos agrícolas: aceite de oliva, aceitunas e produtos porcinos, iogures, queixo fresco e manteiga e froitas como cereixas e melocotóns. Con todo, deixa a porta aberta a negociar.

Iso era o que lle pedían desde a Comisión Europea antes de que dese o paso, avisando de que se o daba non lles deixaría outra opción que responder igual: en abril xa presentaron unha lista de produtos estadounidenses aos que poderían aplicarlles impostos adicionais por valor duns 18.000 millóns de euros.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí