CRTVG

Buscar

En prisión tras ser detido no polígono lugués do Ceao con 30 quilos de haxix no seu coche

Publicado o 11/09/2019 11:13
En prisión tras ser detido no polígono lugués do Ceao con 30 quilos de haxix no seu coche

Axentes da Policía Xudicial, do Corpo Nacional de Policía, detiveron en Lugo un home de 39 anos de idade e sen antecedentes penais ao que lle foron intervidos arredor de 30 quilos de haxix, na que foi a maior aprehensión deste tipo de droga no que vai de ano na provincia.

Segundo informou a Comisaría Provincial de Lugo, a detención produciuse no polígono industrial do Ceao, durante un dispositivo de prevención da delincuencia despregado polo Corpo Nacional de Policía por mor de "diversas informacións" manexadas polos investigadores en relación con "posibles roteiros de entrada á cidade de vehículos usados para o transporte de drogas".

Ao darlle o alto, os axentes que estaban a participar nese operativo decatáronse de que o condutor estaba moi nervioso, polo que rexistraron o vehículo en que viaxaba e atoparon no interior do maleteiro dúas bolsas de deportes en que transportaba trinta paquetes, que resultaron ser de haxix.

 

O condutor foi detido de forma inmediata e, despois de tramitar as correspondentes dilixencias, quedou á disposición do xulgado de garda, que decretou o seu ingreso en prisión.

 
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí