CRTVG

Buscar

Remata sen acordo o Consello Europeo e pon en perigo a entrega dos fondos anticrise

Publicado o 20/11/2020 08:36

• Os 27 buscan saídas legais ao bloqueo dos fondos para paliar a crise da covid-19 que están a levar a cabo Hungría e Polonia, apoiados por Eslovenia

• España está pendente de 140.000 millóns de euros

O maior esforzo orzamentario da Unión Europea está na corda frouxa. Os 27 buscan saídas legais ao bloqueo dos fondos para paliar a crise da covid−19 que están a levar a cabo Hungría e Polonia, apoiados por Eslovenia.

A situación afecta especialmente a España, un dos máis damnificados, pendente de 140.000 millóns de euros. Onte á noite, a reunión por videoconferencia do Consello Europeo rematou sen acordo neste punto, pero apelando á urxencia e gravidade da situación.

"É tan importante para o futuro da Unión Europea ter un presuposto como defender o Estado de dereito", di Ursula von der Leyen, que responde así ás reservas de Hungría, Polonia e Eslovenia cara aos mecanismos que buscan frear supostas derivas antidemocráticas dalgúns socios e que causaron o bloqueo ao fondos anticrise.

A presidenta da Comisión Europea coincide con Charles Michel en destacar a urxencia da situación actual. "Este paquete financeiro é esencial", apremou o presidente do Consello Europeo.

Miles de millóns de euros, no aire

No cumio por videoconferencia convocado para o seguimento da pandemia os líderes europeos trataron unha situación que deixa no aire 750.000 millóns de euros para o fondo de recuperación fronte á pandemia, 1.074 billóns para o marco financeiro ata 2027 e incluso o orzamento ordinario para o ano que vén.

Un agravio especial para os países máis golpeados pola pandemia, como España, pendente de 140.000 millóns de euros destes fondos históricos pactados en xullo.

Na reunión, Angela Merkel, en nome da presidencia semestral, informou do bloqueo, e os tres países en discordia reiteraron a súa postura. A diplomacia evitou un cruzamento acalorado de pareceres, pero a maquinaria para sacar adiante os orzamentos non se detén.

Mentres os líderes din buscar solucións negociadas, explóranse outras fórmulas legais que permitan avanzar na execución do maior esforzo orzamentario da Unión Europea... sen ter a unanimidade dos 27.