CRTVG

Buscar

En Marea rexeita a solución proposta polos alcaldes da Coruña e Santiago

Publicado o 20/02/2019 21:11

A dirección de En Marea rexeita a proposta dos alcaldes da Coruña e Santiago de que negocie como un partido máis xunto con Podemos, Anova e Esquerda Unida unha coalición de partidos para ir ás eleccións xerais. Manteñen que deben concorrer baixo as siglas do partido instrumental e seguen adiante co proceso de primarias.

"Seguimos crendo que En Marea é a ferramenta precisa para levar as nosas demandas ao Estado e ese é o traballo en que nos implicamos desde o noso nacemento e é no que seguimos traballando. En Marea non cre nas coalicións, En Marea superou as coalicións", afirma a vicevoceira de En Marea.

Pero desde Esquerda Unida recoñecen que xa se está negociando cos outros partidos unha coalición electoral para o 28 de abril.

"Neste momento o que cremos é que a imposibilidade de participar dentro de En Marea o que non vai facer é frear a existencia dunha proposta de esquerda e dunha proposta de confluencia e estamos traballando para construíla", di a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Se as posturas se manteñen irreconciliables, os antigos socios poderían concorrer as xerais divididos en dúas candidaturas. O prazo para inscribir coalicións electorais remata o 15 de marzo.

 

Noticias web

20/02/2019