CRTVG

Buscar

En Marea non se presenta ás eleccións do 5-A para "non fragmentar" o voto

Publicado o 21/02/2020 22:36

• A formación que estivo liderada por Luís Villares tomou esta decisión "por responsabilidade" para "non fragmentar" o voto da esquerda

En Marea non se presenta ás eleccións do 5-A para "non fragmentar" o voto


En Marea, cuxos deputados acabaron integrando o Grupo Mixto e que estivo liderada por Luís Villares ata o de agora, non se presentará ás eleccións tras o anuncio do maxistrado en excedencia, esta mesma semana, de retirarse da política. A formación política, que se constituíu en partido nas eleccións do 2016 e que foi a marca que unificou tamén aos candidatos de Podemos, Esquerda Unida e Anova nos pasados comicios, bórrase da contenda electoral despois de que, ademais, non fose posible impulsar unha candidatura ampla con forzas progresistas e soberanistas como propoñía Villares.

En Marea reuniu este venres ao seu Consello para debater sobre os seus posicionamento electoral e descartou, en primeiro termo, o intento de coalición con formacións políticas como Partido Galeguista ou Compromiso por Galicia. A decisión de non presentarse, como argumenta nun comunicado tras o Consello, busca "non fragmentar" o voto da esquerda, aínda que lamenta a "falta" de consenso neste ámbito para unha "coalición ampla" e denunciou a "irresponsabilidade das formacións de situar os postos por encima dos intereses de Galicia".

O Consello dás Mareas entende que non presentarse a unhas eleccións autonómicas é unha "decisión de risco para unha forza como En Marea", debido a que "compromete a finalidade" en si mesma desta formación, pero sostén que se trata dun "exercicio de responsabilidade", aínda que "vaia en contra dos intereses directos" como partido. "Resulta lamentable que o arco progresista e soberanista galego non fora capaz de poñerse de acordo en articular unha fórmula que ilusionase a Galicia e fixera real unha opción de cambio no goberno da Xunta", engade o comunicado.

Noticias web

21/02/2020