En Marea e Podemos descártanse para ir na mesma coalición
Mantense a incógnita de como se presentará ás eleccións o espazo político que hai catro anos concorreu baixo as siglas de En Marea. O que queda do que daquela foi partido instrumental está disposto a negociar para unha candidatura conxunta, pero cun matiz, só coas forzas soberanistas excluíndo así a Podemos como posible socio.
"O noso chamado está serndo a organizacións que tendo como elemento presente a soberanía política do noso país, é dicir, a capacidade de Galicia para decidir os temas que lle resultan de interese, poida artellar unha maioría social de carácter progresista para o noso país e, entón, nese sentido, falamos con forzas de ámbito nacional e falamos tamén con forzas municipalistas", asegura Luís Villares de En Marea.
Pero o certo é que a alianza con En Marea tampouco parece entrar nos plans de Podemos. O secretario xeral con quen confirma as negociacións e con Esquerda Unida e Anova. En paralelo a formación morada segue co proceso para escoller candidato. Gómez-Reino preséntase."A miña responsabilidade é dar un paso adiante para intentar liderar a ferramenta de Galicia En Común e Unidas Podemos e para aspirar á presidencia da Xunta de Galicia. Non sobra ninguén para construir a alternativa que ten que acabar co decenio negro de Alberto Núñez Feijóo", afirma Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia.
Se Gómez-Reino é candidato de Podemos coñecerase días despois de que remate o prazo para inscribirse como coalición. Así as cousas, pode darse a situación de ter unha coalición formada por partidos que aínda non teñen candidatos.
Desde Esquerda Unida, que xa ten a Eva Solla como candidata, dan por feito presentarse con Podemos como fixerons nas Eleccións Xerais e esperan incluir nesa coalición a Anova. Despois terán que negociar a candidatura da coalición.
"Elaborar unha candidatura que sexa coral e na que teñamos os mellores cadros das diferentes organizacións para defender un programa no que estamos a traballar e que creo que vai ser relevante para desaloxar a dereita do poder", di Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida.
Haberá que agardar unha semana, ata o 21, para saber definitivamente se hai coalición, de cantos partidos é con que candidatos.