CRTVG

Buscar

En Marea, CxG, o Partido Galeguista e unha trintena de mareas municipais irán xuntos ás eleccións

Publicado o 28/05/2020 16:35

En Marea, Compromiso por Galicia, o Partido Galeguista e unha trintena de mareas municipais irán xuntos ás eleccións.

A coalición podería rexistrarse nas próximas horas e está previsto que sexa presentada mañá de forma oficial. Polo momento descoñécese baixo que nome concorrerán ás eleccións, aínda que todo parece indicar que a marca será consensuada.

Rafa Cuíña, de Compromiso por Galicia, desvinculouse desta decisión e xa anunciou que seguirá apoiando o BNG.

O prazo para a presentación de coalicións finaliza este venres 29 de maio co panorama máis despexado que para o 5 de abril, aínda que haberá que esperar aínda á última xornada para despexar as incógnitas das alianzas, previsiblemente catro para a cita do próximo 12 de xullo.

Galicia en Común-Anova Mareas, que para a pasada cita do 5 de abril apurou os trámites ao fío da medianoite, rexistrou xa este xoves, con máis de 24 horas de marxe, a súa coalición ante a xunta electoral, na que pediran cita previa para poder cumprir con este trámite de forma presencial, como é preceptivo agora no Pazo do Hórreo.

Os termos son os mesmos que os pactados para o 5 de abril e unicamente recóllense un par de modificacións ou matizacións fronte ao que se fixo naquela ocasión, na que apenas cinco minutos antes da medianoite non se asinou o acordo finalmente rexistrado. Así, segundo fontes da coalición consultadas, no pacto económico queda máis especificado.

O 70 por cento dos recursos económicos son para a rama Unidas Podemos (a repartir entre Podemos e Esquerda Unida). O 30 por cento restante é para Anova que, no propio acordo rexistrado ante a xunta electoral, especifícase que o poderá repartir. Isto débese a que a coalición a asinan o tres organizacións políticas, unha das cuestións que mantivo tirante a negociación posto que as mareas municipalistas, singularmente as da Coruña e Compostela, non figuraban como asinantes, aínda que Anova incluíunas na súa cota.

Ademais, concorrerán en coalición Espazo Común, a formación impulsada polo que fose secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez, xunto a Recortes Cero e Os Verdes de cara ás próximas eleccións autonómicas do 12 de xullo.

A cuarta coalición chámase Unidos polo futuro!, e é a alianza de Unidos pola Solidariedade Internacional, Democracia Efectiva e Unión Demócrata do Pobo, cuxo presidente, José Carlos Seoane Osorno ratificou que volverán concorrer ás próximas eleccións do 12 de xullo. "Traemos un proxecto novo, unhas ideas revolucionarias, unha nova maneira de facer política e de democracia", asegurou o presidente de Unión Demócrata do Pobo, a formación galega de referencia neste pacto e que achega a maioría de nomes ás listas electorais.

Mentres, Ciudadanos está a insistir ao PPdeG para concorrer en coalición ás eleccións autonómicas do 12 de xullo, a pesar de que xa o tentaron en febreiro e non foi posible alcanzar un acordo. Pola súa banda, o PPdeG, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, segue sen abrirse a esta fórmula e prefire presentarse coas súas propias siglas. Os populares sosteñen que o seu proxecto está "consolidado" en Galicia, onde o presidente da Xunta logrou tres maiorías absolutas consecutivas.

Noticias web

28/05/2020