CRTVG

Buscar

En marcha a xuntanza entre PSOE e Unidas Podemos para desbloquear a investidura

Publicado o 05/09/2019 21:13

Nas horas previas á reunión, o PSOE e Podemos elevaron o ton das súas declaracións. Coas súas intervencións, Sánchez e Iglesias parecía que querían evidenciar o afastadas que están a súas posicións.

O líder socialista insiste no acordo programático e en pedirlle a Iglesias que ceda.  

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións: "Saber negociar é querer negociar, non impoñer senón acordar e tamén entender que unha boa negociación non pode ter nin vencedores nin vencidos. A solución sempre está nun camiño intermedio entre dúas posicións opostas que parecen antagónicas. Ao final a solución está sempre nunha terceira vía".

Pero Iglesias teima no goberno de coalición para controlar que se respecte o acordado. O líder de Podemos lémbralle a Sánchez que eles xa cederon e que foi o socialista quen non cumpriu a súa palabra: "Nós xa cedemos. Pedro Sánchez puxo unha condicións moi dura, que foi vetar o candidato do teu socio preferente. No momento en que nós aceptamos esa condición, non é que aceptaramos unha terceira vía, aceptamos unha vitoria simbólica do PSOE. Imaxinan que nós vetásemos a Pedro Sánchez? Creo que está atrapado pola súa palabra. España pode aceptar calquera cousa menos un presidente que non diga a verdade".

Mentres, o resto de partidos segue posicionándose. O presidente da Generalitat avanzou que os sete deputados de Junts per Cataluña volverán votar en contra na investidura. O PP e máis Ciudadanos manteñen tamén o non, aínda que nos dous partidos cren que o que está máis preto é a repetición das eleccións: "Estamos preparados para intentalo. E intentaramos botar a Sánchez da Moncloa en novembro". "O Partido Popular está preparado para calquera escenario e, a partir de aí, o que si que denunciamos é a irresponsabilidade do mercadeo de cadeiras".

No PSOE, tamén hai quen pensa que os comicios son inevitables. É o caso do líder dos socialistas en Cataluña Miquel Iceta.

Noticias web

05/09/2019