CRTVG

Buscar

En liberdade o pai da pequena Nadia, acusado de estafa continuada

Publicado o 04/06/2019 16:05

Esta mañá saíu da cadea o pai da pequena Nadia, acusado de aproveitar a enfermidade rara da súa filla para enriquecerse. Fernando Blanco fora condenado a cinco anos de cadea por esaxerar a doenza da pequena o que lles permitiu a el e á súa muller recadar máis de 400.000 euros. 

Fernando Blanco abandonou o cárcere de Ponent despois de dous anos e medio en prisión preventiva.

O pai da pequena Nadia fora condenado a cinco anos, pero a Audiencia de Lleida ordenou a súa liberdade ao cumprir a metade da condena e non haber sentenza firme.

A investigación probou que el a súa muller, condenada tamén a tres anos e seis meses, crearan unha sociedade en apoio da enfermidade rara que padecía a súa filla, pero que esaxeraran a doenza argumentando que a vida da nena corría perigo e que necesitaba tratamentos urxentes e moi caros.

Deste xeito recadaron máis de 400.000 euros en donativos. O pai chegou a dicir no xuízo que viaxara varias veces a Huston para someter a Nadia a tratamentos xenéticos, pero os hospitais que facilitou non existen.

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña ratificou as condenas da Audiencia de Lleida por estafa continuada, pero pediu que se redacte unha nova sentenza que especifique quen son os prexudicados por este engano e con que cantidades hai que indemnizalos.