CRTVG

Buscar

En liberdade o detido por agredir a súa ex-parella en Vilaxoán

Publicado o 06/05/2019 23:15
En liberdade o detido por agredir a súa ex-parella en Vilaxoán

O detido na madrugada do sábado ao domingo en Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, supostamente por agredir a súa ex-parella no domicilio da muller quedou en liberdade investigado por un delito de violencia de xénero tras pasar a disposición xudicial este luns.

Segundo informaron fontes xudiciais, o xulgado, ademais, decretou unha orde de protección para a vítima, o que significa que o investigado non pode comunicarse nin aproximarse a ela.

Os feitos tiveron lugar na madrugada do sábado 4 ao domingo 5 nunha vivenda na rúa Almirante Fontán cando un home acudiu en estado de embriaguez á vivenda da súa ex-parella, á que agrediu.

Segundo relataron fontes da Policía Local, sobre as 23,15 horas do sábado 4 recibiron o aviso dun home en estado de embriaguez ao que a súa ex-parella non deixaba entrar na vivenda. Con todo, o home dunha patada entrou no domicilio e supostamente insultou e agrediu a muller. Cando chegaron os axentes o individuo, que estaba "moi agresivo", segundo destacaron as mesmas fontes policiais, tamén insultou os policías e o persoal sanitario que prestou asistencia á vítima. A Policía Local procedeu á detención do individuo, identificado como A. R.E., de 49 anos de idade, por un delito de violencia de xénero.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/05/2019