CRTVG

Buscar

En liberdade, con medidas cautelares, os catro detidos nos rexistros do caso Alcoa

Publicado o 05/03/2021 18:36
En liberdade, con medidas cautelares, os catro detidos nos rexistros do caso Alcoa

 A xuíza da Audiencia Nacional que instrúe o caso Alcoa, María Tardón, deixou en liberdade con medidas cautelares os catro detidos que declararon este venres tras a operación realizada pola policía na que ser rexistraron unha decena de inmobles en relación á presunta despatrimonialización fraudulenta das plantas de produción de aluminio na Coruña e Avilés, unha investigación que continua baixo segredo de sumario.

Fontes xurídicas consultadas por Europa Press, sinalan que tanto os tres detidos no día de onte como a cuarta persona que foi citada para que comparecese en sede xudicial declararon esta mañá ante Tardón. En concreto, trátase de Diego Peris, Luis Losada Gómez, Víctor Rubén Domenech e Alexandra Camacho Carrascal. Diego Peris é o administrador único do Grupo Riesgo, Luis Losada é un executivo administrador único de System Capital --mercantil que administraba Alu Ibérica AVL SL (a planta de Avilés)--, Víctor Rubén Domenech é o presidente do Grupo Riesgo, e Alexandra Camacho era socia de System Capital.

Aos catro impútanselles delitos de estafa agravada, insolvencia punible, apropiación indebida, asociación criminal e contra os dereitos dos traballadores. Como cautelares, a maxistrada acordou retirada de pasaporte e prohibición de saír de territorio nacional para os catros, e para o tres últimos, ademais, comparecencias mensuais en sede xudicial.

Na operación policial deste xoves, en que participaron máis de 100 axentes rexistráronse instalacións en Madrid, Avilés (Asturias), A Coruña, Málaga e Castelló. En total, segundo comunicado do Corpo Nacional de Policía entrouse nun total de once domicilios de persoas físicas e xurídicas, entre eles os propios centros de produción e un despacho de avogados.

Fontes de Alcoa España consultadas por Europa Press, puntualizaron que as fábricas de aluminio de Avilés e A Coruña xa non son da súa propiedade desde xullo de 2019, e engadiron que ningún dos detidos pertence a Alcoa. Afirman ademais estar "a cooperar coas autoridades" en relación ao operativo despregado en busca de probas de despatrimonialización fraudulenta na venda das que foron as súas plantas da Coruña e Avilés. De feito, a multinacional estadounidense vendeu ambas as plantas en 2019 a Parter Capital Group "nunha venda que foi avalada polo Goberno español e apoiada polos representantes dos traballadores", segundo destacan en fontes.

Posteriormente, Alcoa presentou unha demanda contra Parter relacionada coa venda de accións nas dúas plantas.