CRTVG

Buscar

Ofertan rutas en 'kayak' polo río Ézaro, tras os pasos dos viquingos

Publicado o 12/05/2019 14:33

No río Ézaro, ofertan rutas en kayak, para descubrir aqueles puntos en que os viquingos reparaban as súas naves. Unha actividade que se pode realizar en grupo, sempre e cando todos saiban nadar. 

Navegar polos mesmos lugares en que os viquingos reparaban as súas naves require dun chaleco salvavidas, de saber nadar e de darlles aos ombreiros para que os remos movan o kayak. Aos pés do monte Pindo e ata os corenta metros de caída da fervenza do Ézaro, a beleza da paisaxe está garantida. E non é a única ruta que se pode facer na zona.

O propietario de AdventurÉzaro, Ovidio Castro, explícanos o percorrido: "Imos entrar na fervenza e despois imos ir á antiga baleeira de Caneliñas. Imos ir rodeando toda a costa, pasando pola praia de Gures e despois entrando na baleeira. O máis indispensable é saber nadar, é dicir, non é que se non sabes nadar che vaia pasar algo, pero é, sobre todo, para que non entres en pánico. As rutas nocturnas empezáronse co tema da iluminación nocturna que fai o Concello. É un espectáculo, o que é a iluminación toda con focos, é dicir, como se fose unha discoteca, posto aí na fervenza e despois con música celta, así música de acordo co contorno. Gústalles ver o castelo de Peñafiel, aquí pegado ao río, gústalles a contorna e despois cando entramos na fervenza xa é a explosión".

Un dos participantes na ruta di: "A contorna, penso que por esta zona que é o máis bonito que hai. Temos un día moi bo e nada, ata non fai vento e todo parece que pinta ben. Contentos por esta oportunidade que nos deu Ovidio, de AdventurÉzaro. Cantos máis veñan máis bonito é... Hainos dobres, por se hai alguén que non quere ou non pode ou que sexa...".

Quince euros por persoa e hora e media de brazo e diversión. Os participantes, que non o fixeron xa, aseguran que repetirán. Esta é unha forma máis de ahegarse ao patrimonio natural, entre amigos, de xeito respectuoso e cun fin educativo, tamén.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/05/2019