En Guitiriz, Friol e Outeiro de Rei levan máis de dúas semanas sen coronavirus
Guitiriz deixa atrás o gromo de coronavirus de febreiro, que mesmo obrigou a pechar perimetralmente o concello. Comprobámolo en Parga, onde a feira vai recuperando a actividade habitual. Levan días sen casos de coronavirus e iso anima os veciños e os clientes.
Friol é outro dos concellos de Lugo que non rexistra ningún caso de coronavirus desde hai polo menos vinte días. O esforzo por parte da cidadanía á hora de cumprir coas medidas de precaución e a dispersión da poboación xogaron ao seu favor. O último gromo importante foi en febreiro.
Outeiro de Rei foi un dos municipios máis afectados polo coronavirus. Chegou haber máis de 160 casos na residencia de maiores. Agora xa levan máis de dúas semanas libres de covid.
Mentres, non queda outra que manter as precaucións.