CRTVG

Buscar

En Galicia hai uns 150 cruceiros que precisan restauración

Publicado o 21/08/2019 16:11

O cruceiro de Pazos, en Boiro, permanece coa inclinación -ao redor de sete graos- que lle ocasionou o golpe dun camión hai meses e coa base moi deteriorada.

Carlos E. Fernández Coto, presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) di: "O que hai que facer é estabilizalo, recolocar as pedras no seu emprazamento e rexuntar as pedras cunha argamasa sen cemento. O cemento e a pedra xuntos, nunca. Nin en cruceiros nin en casas. Cunha argamasa especial. Isto téñeno que facer, loxicamente, restauradores.

Reparar un cruceiro deste tipo pode andar polos 2.000 ou 3.000 euros. En comparación co valor histórico e etnográfico que ten un cruceiro, é un custo mínimo".

Outro inclinado, máis de oito graos, está á beira do Ulla, ao paso por Quintáns, Rianxo. Perdeu verticalidade por causa ben distinta ao de Boiro. Fernández Coto explica que "é algo feito no tempo pola climatoloxía, pola acción da erosión das augas, do vento e do terreo. Está en mellores condicións porque a súa inclinación, a súa deterioración foi moito máis lenta, moito máis progresiva". "Pero se se mantén a estabilidade é un cruceiro único. Un cruceiro inclinado e todos sabemos que en Pisa hai unha torre torcida e non a endereitaron". 

Está en proxecto a restauración da base sen modificar a inclinación. A asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego incide en que cada cruceiro é importante e a súa conservación, tarefa inaprazable.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/08/2019