CRTVG

Buscar

En Galicia hai arredor de 200 pazos á venda

Publicado o 12/03/2021 15:06

En Galicia existen arredor de 900 pazos catalogados que forman parte do patrimonio cultural da comunidade. É un dato da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias que calcula que case un de cada catro está á venda.

Nunca antes saíran tantos ao mercado. Hai dende propiedades señoriais ata casas de campo para unha familia. 

O pazo de Lemaio ten nun dos seus muros o seu carné de identidade.

Santiago Luaces Delaerrán, o propietario, explica con detalle a historia do escudo: "O máis grande, o que ten tres cabezas de mouros, pertence a unha familia da Costa da Morte que é a familia Carantoña. O señor que construíu esta casa deixou a data escrita en números romanos, é 1506". 

Séculos de historia de Galicia que agora están á venda. Santiago adquiriu este inmoble no ano 2007, estaba en estado semirruinoso. Co paso de moitos anos e moito esforzo conseguiron rehabilitalo e foi a súa vivenda familiar. Agora toca abrir unha nova etapa e decidiron vendelo, que outras persoas poidan gozalo.

Santiago Luaces asegura que vivir nun pazo significa vivir nunha construción típica galega "que é historia, que estivo aquí dende hai cinco ou seis séculos, que está catalogada e formar un pouco parte da historia da túa terra".

Pero adquirir e posuír un pazo implica cargas económicas e burocráticas.

Luis Bodelón Díaz, axente dunha inmobiliaria, afirma que "as dificultades principais veñen, sobre todo, porque o normal é que sexan vivendas protexidas, que entre Patrimonio en xogo e xa limita tecnicamente. As reformas son máis complicadas, máis custosas".

Segundo a Federación de Empresas Inmobiliarias, na actualidade hai arredor de 200 pazos á venda en Galicia, a cifra máis alta dende que se ten rexistro deles.


 

Noticias web

12/03/2021