CRTVG

Buscar

Descenden os novos contaxios en Galicia, pero aumentan as hospitalizacións

Publicado o 08/09/2020 07:47

• O dato oficial contabiliza 662 falecidos pola pandemia: a última vítima mortal é un home de noventa anos que estaba ingresado no Clínico de Santiago

Ares pecha parques e pistas para frear os contaxios

Por unha banda, descende o ritmo de novos contaxios en Galicia, con 214 nas última xornada, a menor cifra en seis días. Pola outra, soben as hospitalizacións; máis de duascentas persoas están ingresadas co coronavirus, e delas 21 están en coidados intensivos. A área sanitaria en que máis se incrementa o número de casos activos é Ourense, debido maiormente a tres gromos: dous na capital da provincia e outro en Verín. A repunta, de 30 positivos, duplica os datos do día anterior. Moitos ourensáns están concienciados da importancia de parar os contaxios nuha zona en que preocupa a alta media de idade dos infectados.

As residencias galegas teñen 230 casos de covid-19, dos que 162 son usuarios. O xeriátrico do Incio intervido pola Xunta é o que continúa concentrando máis contaxios, 81 residentes segundo o SERGAS, e a DomusVi de Outeiro de Rei ten 45 anciáns co coronavirus. Neste momento son 662 os falecidos pola pandemia. O último, un home de 90 anos que estaba ingresado no hospital Clínico de Santiago. A taxa de letalidade da doenza está arestora no 3.54 % en Galicia.

A área da Coruña é a que ten máis peso do total de contaxios na nosa comunidade, o último dato é de 1.434 casos activos. Séguea Lugo, que pasa dos oitocentos. O total en Galicia está nos 4.243.