CRTVG

Buscar

En Galicia, as prazas reservadas para persoas con discapacidade poderían duplicarse

Publicado o 17/03/2018 15:07

En Galicia, a nova lei de contratación pública podería supoñer que se dupliquen as prazas reservadas para empregar persoas con discapacidade con máis de 1.200 novos beneficiarios. Dende Cegasal celebran a noticia, pero recordan que aínda queda moito por facer. 

Coa entrada en vigor e aplicación da nova Lei de contratación publica, dende este 9 de marzo, en catro anos as prazas reservadas para persoas con discapacidade poderían duplicarse practicamente, ao pasaren de entre un 3 e un 5% ata un 10%.  José Antonio Vázquez Freire, presidente de Cegasal: "Hai 1.255 empregos directos nos centros especiais de emprego, pódese duplicar e triplicar. Hai 300.000 persoas con discapacidade en Galicia, o 70% nin cre, nin pensa que pode traballar". 

Jessica Pintor: "En Galicia preto dunhas 232.000 persoas temos un certificado de discapacidade superior ao 33%. Coma min e outros moitos, Manuel Ríos leva unha vida totalmente autónoma, independente e conduce un coche. Con todo, e logo de oito anos traballando en Trameve, insiste en que o máis difícil non é quedar na empresa é conseguir entrar nunha".

Manuel Ríos, traballador de Trameve: "Para unha persoa discapacitada é moi difícil atopar un posto de traballo, porque as apariencias son moito e cando te ven, xa te descartan, porque xa nada máis pensan que non vas ser capaz de facer nada e despois sorpréndense cando estas no posto, o difícil é entrar".

Esther Blanco Araújo, directora de Cegasal: "Unha persoa con discapacidade pouco menos tiña que estar pechado na súa casa e alí! Xa fose por proteccionismo familiar ou porque se considaraba que non podían desenvolver ningunha actividade". 

Dende a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro, (Cegasal) celebran a noticia, pero recordan que aínda queda moito traballo por facer para que empresarios e a sociedade en xeral rachen cos tabús en torno á discapacidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/03/2018