CRTVG

Buscar

En Galicia, 157 hoteis estarán abertos para servizos esenciais

Publicado o 25/03/2020 22:04

Hoxe remata o prazo dado polo Goberno para que os hoteis deixen de funcionar. Mañá atoparémolos todos pechados. Pero en Galicia hai 157 que quedarán de garda para aloxar a traballadores esenciais, como os profesionais sanitarios, e a viaxeiros que se despracen por causa maior durante o estado de alarma adoptado para frear a propagación do coronavirus.

Así mesmo, poderán ocupar estas instalacións colectivos de especial vulnerabilidade social, como persoas sen fogar, en exclusión social e vítimas de violencia de xénero, informa a Xunta nun comunicado.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo esta tarde un encontro por videoconferencia cos diferentes representantes das organizacións provinciais do sector turístico para coordinar a posta en marcha dos aloxamentos de garda durante a crise do coronavirus.

Así mesmo, o Goberno informou esta mañá de que habilitou 37 establecementos turísticos de Galicia para aloxar a estes colectivos, dos que 15 sitúanse na provincia da Coruña; 6, na de Lugo; 5, na de Ourense e 11 na provincia de Pontevedra, informa a Delegación do Goberno en Galicia.

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a orde do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana pola que declaran servizos esenciais a determinados aloxamentos turísticos, entre eles os citados en Galicia que inclúen hoteis, apartahoteis, hostais, cámping, albergues e vivendas de uso turístico.

A apertura dos establecementos habilitados polo Goberno será considerada esencial e deberán permanecer en funcionamento, polo que aínda que estean pechados ao público xeral, acollerán a profesionais sanitarios, transportistas, membros dos corpos de seguridade, responsables dos sistemas de redes ou eléctricos.

Ademais, permitirán que se aloxen coidadores de maiores, de menores, discapacitados ou persoas especialmente vulnerables ou con necesidades de atención sanitaria, e poderán dar servizo a todas aquelas persoas que por causa de forza maior ou situación de necesidade requiran asegurar aloxamento puntual con urxencia.

Os da cadea hostaleira pública Paradores de Turismo están incluídos na orde do Ministerio de Sanidade publicada o 23 de marzo que posibilita habilitar espazos destes complexos para uso sanitario cando reúnan as condicións necesarias para iso.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, agradeceu a colaboración do sector turístico "para dar un servizo esencial neste momento" e reiterou "a dispoñibilidade do Goberno para axudar á súa idónea prestación".

 

Noticias web

25/03/2020