En España abandónanse quince cans cada hora
En Garatuxa, un centro veterinario e residencia canina, hoxe envían sete cans a Inglaterra e Escocia. Nun camión van animais de varias protectoras de Galicia, co seu rexistro sanitario e a rastrexabilidade. Chegarán aló pasado mañá.
O transporte recolle aquí cinco cans de Garatuxa e dous da protectora de Lugo, Kilmo e Skiner, dúas belezas que van facer moi felices aos seus futuros donos, como fixeron feliz a Ana, unha das voluntarias que os coñece ben porque os sacaba do canil para que pasearan.
Canda Ana está Alberto, o presidente da protectora de Lugo, que veu visitar, tamén, esta cadeliña que, malia ser da protectora, está agora nesta residencia para que poida sacar adiante as súas crías. Neste centro saben ben por onde ten que vir a solución aos abandonos.
Os cans que marcharon para seren adoptados no Reino Unido tiveron sorte, agora a ver que sorte teñen os que, cos seus medos e a súa historia de abandono, seguen esperando a que chegue a súa oportunidade cando alguén, no cando de mercar un cadeliño, opte por darlle antes unha oportunidade aos que están esperando na protectora.