CRTVG

Buscar

Circular esquivando os postes que hai no medio da estrada é o que fan a diario os veciños de Dorrón, Sanxenxo

Publicado o 17/06/2019 14:18

Veciños de Dorrón, en Sanxenxo, esixen o remate das obras na estrada que, segundo din, empezaron hai unha década. O máis urxente é a retirada dos postes de telefonía que quedaron en medio da calzada por onde circulan os coches.

Na estrada de Dorrón, no concello pontevedrés de Sanxenxo, os coches teñen que circular esquivando os postes que ocupan unha parte da calzada.

"Fíxose este treito da estrada hai catro anos e os postes levan no medio e medio desde aquela. Non nos fai caso nin a Deputación nin o Concello. O Concello di que é cousa da Deputación. Da Deputación dixéronnos que os sacarían antes do Nadal. O problema é que aínda non se matou ninguén contra eles".

Os veciños piden que se retiren dunha vez. Están indignados porque hai pouco caeu un que estaba no medio dun cruzamento e a compañía telefónica volveu colocalo no mesmo sitio.

Juan Manuel Rodríguez, presidente da asociación de veciños: "É unha obra que creo que levou máis tempo que facer o Escorial. A verdade é que leva un montón de tempo parada, vai lenta. Parece que agora a queren acabar de rematar".

"Esta estrada leva amañándose 12 anos. Enriba da miña casa fixeron un treito onde ten 12 metros e non hai beirarrúas e aquí non cabemos e fanlle beirarrúas e agora xa as están rompendo".

"Hai un paso que ten catro metros de ancho para circular, nunha curva, un día un autobús escolar bateu coa roda de atrás cunha pedra, e non pasou nada de milagre".

Pide que as administracións se deixen de botar as culpas e que rematen dunha vez as obras.





 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019