CRTVG

Buscar

A intensificación dos controis en Culleredo, recibida de forma desigual pola veciñanza

Publicado o 19/11/2020 09:16

No concello de Culleredo hai preocupación pola repunta de casos de covid-19, así que o goberno local decidiu aumentar a vixilancia para que a veciñanza cumpra as normas que restrinxen as reunións.

Así que no paseo marítimo do Burgo, unhas das zonas máis concorridas deste municipio da área metropolitana da Coruña, a Policía Local aplícase. "Non poden ir os tres xuntos paseando porque non son conviventes. Amais de levar a máscara posta, teñen que manter máis distancia de seguridade", avisan.

Esa é a mensaxe que José Ramón Couceiro, oficial da policía local de Culleredo, e os seus compañeiros, se afanan en repetir unha e outra vez, aínda que a algúns dos aludidos non lles guste demasiado escoitala. "Parécenos un pouco abusivo", di un dos transeúntes.

"Eu dos fillos non me fío"

"Imos ter que presionar de forma legal para que a xente se dea conta do grave problema que hai", entende Couceiro. Hai quen dubida da efectividade da medida, porque os conviventes,  segundo outro veciño, "se cadra son os que cho traen á casa, eu dos fillos non me fío porque sabe Deus con quen están".

Tamén hai quen acepta de bo grao as advertencias policiais. "Se é bo para aliviar a enfermidade... pois paréceme moi ben", comenta un veciño.

Os axentes vixían e quen incumpra as normas pode ser proposto para unha sanción.

José Ramón Couceiro explica que "as sancións poden ser de 600 euros coa bonificación do 50% por se se aboa axiña".

Os controis policiais exhaustivos reforzaranse na fin de semana neste concello.

 

Noticias web

19/11/2020