CRTVG

Buscar

Marcha en Barcelona pola autodeterminación e contra o xuízo do 'procés'

Publicado o 16/02/2019 21:36

• A manifestación, convocada pola ANC e Òmnium Cultural, pretende ser o inicio dun ciclo de mobilizacións de protestas que inclúe outra marcha en Madrid  

Duascentas mil persoas, segundo a Garda Urbana, cincocentas mil, segundo os organizadores, encheron esta tarde a Gran Vía barcelonesa nunha manifestación pola autodeterminación e en contra do xuízo do procés.

Desde a praza de España ata a da Universidade, tres quilómetros e medio de percorrido para amosar a repulsa civil catalá ao inicio do xuízo do procés cando os Jordis cumpren 16 meses de cárcere. Precisamente, as súas organizacións, convocantes da protesta, a ANC e Òmnium Cultural, definían esta manifestación como un "muro contra a represión", recordando as palabras do fiscal ante o tribunal sobre a concentración de setembro de 2017 diante da sede da Consellería de Economia.

"Hoxe convertemos a Gran Vía nun muro humano. Si señor fiscal, somos un muro humano, un muro de disidentes, dixo Marcel Mauri, vicepresidente de Òmnium Cultural. Somos un muro orgulloso de homes e mulleres libres cheos de dignidade e autoestima. A mesma dignidade que teñen os nosos presos políticos diante do Tribunal Supremo".

Na manifestación, en que participaron todos os partidos e organizacións soberanistas, o presidente da Generalitat, Quim Torra, insistiu en que a autodeterminación non é un permiso, senón un dereito. Recordou que irá a Bruxelas defender os dereitos de Cataluña, despois de que o Parlamento Europeo anunciara que non autorizará a celebración dun evento o próximo luns no que ía participar o ex-presidente catalán Carles Puigdemont, xunto a Torra:
"Se non nos deixan entrar no Parlamento europeo iremos a unha sala máis grande. E que non se decatan? Non se pode gobernar este país contra Cataluña, sen escoitar a voz dos cataláns".

Diferentes voceiros desde o escenario insistiron en que esta marcha supón o inicio dun ciclo de mobilizacións que debe "culminar" coa folga do 21 de febreiro e a manifestación independentista prevista para o 16 de marzo en Madrid.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/02/2019