CRTVG

Buscar

En Cebolla, Toledo, avalían os danos e afananse en arranxar a desfeita da grave riada de onte

Publicado o 09/09/2018 21:01

As chuvias e as tormentas continúan este domingo en gran parte de España. Os maiores danos destas treboadas sufríronos no municipio toledano de Cebolla, onde unha grave riada anegou rúas, inundou casas e arrastrou coches pola corrente.Hoxe afanáronse en arranxar a desfeita.

Non era a primeira vez pero o desbordamento do regato Sangüesa sobrecolleu onte os máis de tres mil veciños do municipio toledano de Cebolla, pola súa violencia.Era o día grande dunhas festas patronais que quedaron en suspenso.

A riada que se desatou contra as primeiras horas da tarde asolagou casas e garaxes. Inundou os accesos ao municipio, mentres arrastraba atropeladamente os coches polo centro da vila e devoraba os postos dos feirantes.A auga superou o metro e medio de altura nalgunhas casas, arrastrou maleza e rochas e obrigou a cortar estradas.

Nunha das rúas principais da vila unha ducia de vehículos quedaron amontoados e esnaquizados polo desbordamento.Os servizos de emerxencias non teñen constancia de feridos nin desaparecidos.

Durante a súa visita hoxe á zona, o delegado do Goberno en Castela-A Mancha prometeu un estudo con rigor técnico sobre as causas da riada.

Un operativo oficial formado por case cen persoas estase facendo cargo da limpeza das rúas enlamadas e tamén das vías afectadas.Aos bombeiros do Consorcio Provincial engádenselles sete patrullas da Garda Civil, persoal e maquinaria da Deputación e da Consellería de Fomento así como un helicóptero.

Numerosos veciños sumáronse aos labores de limpeza dos seus domicilios e das vías nas que se acumulan máis pedras e barro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2018