CRTVG

Buscar

En Castro Caldelas ultiman os detalles para a Festa dos Fachos

Publicado o 17/01/2020 14:20

Este domingo, entre lusco e fusco, o lume será o protagonista nas rúas da vila. Decenas de veciños portarán en procesión un fachón de 35 metros. Os chourizos e a música completan unha festa que promete estenderse ata ben entrada a madrugada. 

E así de a pouco o fachón vai collendo xeito. Levará todas as miradas o vindeiro domingo no seu percorrido polas rúas de Castro Caldelas, dende o santuario dos Remedios ata o castelo. Non haberá máis luz que a súa e a dos fachós pequenos, nas rúas da vila.

E despois desa procesión de lume chegará o momento de repoñer forzas. Claro, neso tamén pensaron, así que o lume non chega esmorecer estes días para afumar nada menos que 3.500 chourizos para repartir entre tódolos asistentes. Haberá tamén viño, bica e queimada.

Contan que esta dos fachós é unha das celebracións máis antigas de Galicia, remóntase a mediados do século dezaoito. As teorías da súa orixe son moitas pero o certo é que foi quen de manterse no tempo ata ser unha das celebracións preferidas polos caldelaos.

E tampouco haberá que preocuparse se a temperatura baixa algo máis da conta. A fogueira está lista para quecer durante a noite. En Castro Caldelas aseguran que só compre ir coa roupa axeitada e con ganas de alongar a festa ata a madrugada.

Noticias web

17/01/2020